venres, 6 de outubro de 2017

Cangas 1617: A defensa da Vila

Desde a Asociación  A Illa dos Ratos temos o gusto de presentarvos o novo proxecto de rutas conmemorativas do 400 aniversario do ataque dos piratas turco-berberíscos á vila de Cangas.

Neste caso a Concellería de Medio ambiente e Turismo do Concello de Cangas organiza coa nosa colaboración 8 rutas durante os meses de outubro, novembro e decembro.



Baixo o título de “Cangas 1617: A defensa da vila” ofrecemos dúas rutas diferentes:

Ruta 1: A defensa da vila.

Punto de saída: Palco da Alameda Vella – Xardíns de Soage
Hora: 11:00
Duración aproximada: 1 hora e media (ruta circular)
Dificultade: baixa

A mañá do 9 de Decembro de 1617 unha escuadra de piratas turco berberíscos que chegaran á Ria de Vigo realizaron un brutal asalto sobre á vila de Cangas matando e destruíndo todo o que atoparon ao seu paso.
Ao principio desta ruta achegarémonos á vida daquelas xentes que habitaban unha vila puxante grazas sobre todo a importancia do seu porto coa pesca e o comercio como motor económico.
Percorreremos as rúas do casco antigo que existían naquel momento e coñeceremos interesantes historias sobre o dia a día da Cangas de 1617.

Ruta 2: Outro punto de vista.

Punto de saída: Aparcadoiro da Capela de San Roque
Hora: 11:00
Duración aproximada: 1 hora e media (ruta lineal)
Dificultade: baixa

A primeiros de decembro de 1617 unha flota turco-berberisca ataca a vila de Cangas. Deixan morte e destrución ao seu paso. 
As crónicas falan da crueldade dos asaltantes. Mataban ou apresaban a quen atopaban polo camiño. Roubaban todo o que había de valor e queimaban o que non podían levar. Despois virían as consecuencias de xuízos por bruxería, María Soliña e o mito arredor do Cristo que non quixo arder. Pero... E se cambiamos o punto de vista? Quen eran estes turco-berberiscos? Por que atacaron Cangas? Que buscaban exactamente? 
Isto é o que imos intentar descubrir nesta nova ruta centrada no asalto a Cangas de 1617, hai xa 400 anos. Imos recorrer parte do centro de Cangas poñéndonos na pel dos turcos e intentar ver os acontecementos desde o seu punto de vista.

As prazas son limitadas polo que para anotarse cómpre inscribirse na Oficina de Turismo de Cangas: Avenida Eugenio Sequeiros, 9   Teléfono: 986392023. Ou ben enviar email a ailladosratos@gmail.com indicando: nome, idade, ruta elixida, e un teléfono de contacto.
Tamén podedes contactar con nós vía Facebook, ou co formulario de contacto da dereita.

Se tedes algunha dúbida ou tedes un grupo que queira facer a ruta outro día, podedes poñervos en contacto con nós: utilizar o noso formulario de contacto da caixiña da dereita, contactar a través das nosas redes sociais ou enviar un email a: ailladosratos@gmail.com

Pouco a pouco iremos ampliando información e se estades atentos as nosas redes sociais, estaredes ao día das novas da Defensa da Vila!

Vémonos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario