venres, 2 de decembro de 2016

CHEGA "A DEFENSA DA VILA"!!!

O vindeiro venres, 9 de decembro, cúmprense 399 anos do asalto á nosa vila dos piratas turco-berberíscos... É o momento de rememorar a fazaña dos heroes de 1617 e desde A Illa dos Ratos queremos invitarvos a vivilo con nós.



PROGRAMA DE ACTIVIDADES:
  • Ruta guiada gratuíta: “Cangas en 1617: a defensa da vila”.
Esta ruta sairá ás 11:00h da Alameda Vella, discorrendo pola trama urbana da época (barrios do Costal, Outeiro e un pequeno anaquiño do recén creado barrio do Señal), co obxectivo de achegar aos visitantes unha visión xeral de como era Cangas en 1617, a vida dos seus habitantes e o contexto económico, político e social no que aconteceron os feitos.
Así mesmo, porase especial énfase no tocante aos feitos da semana tráxica do 4 ao 15 de decembro de 1617, especialmente na xornada do sábado 9, no que Cangas é asaltada por parte dos piratas turco berberiscos.
A ruta rematará coas consecuencias do ataque, entre outros os procesos levados a cabo contra diversas mulleres de Cangas como María Soliño, acusadas de bruxería por parte do tribunal da Santa Inquisición, así coma un breve repaso dos últimos 400 anos.

  • “Asalto e defensa infantil da Vila”

As actividades de animación infantil a partir das 17:00, estarán presididas polos xogos e obradoiros enmarcados nunha versión infantil do “asalto á vila”, que enfrontará aos piratas e aos cangueses (os peques terán que posicionarse nun dos bandos), aínda que nesta ocasión, tras enfrontarse mediante unha batalla de xogos, o ataque rematará cunha festa de confraternidade.

Non podes perder a oportunidade de rememorar este feito histórico con nós. 

Queremos agradecer a A Cepa, Concello de Cangas, Clínica Dental Forte, Autoescuela Cinania, Audiolar, Hotel Airiños e a Tapería e Bocatería A Meiga, a súa colaboración, sen a cal non sería posible facer a conmemoración. 

Esperámoste! 


Ningún comentario:

Publicar un comentario