mércores, 1 de marzo de 2017

RÚAS CON HISTORIA, A orixe dos nomes das nosas rúas.




Punto de partida:  O Reloxo da Alameda
Hora: 11:00
Duración aproximada: 2h 
Lonxitude: 2 km
Dificultade: Baixa

Cangas é unha vila con historia. Non é preciso saír do centro para atoparnos con historias curiosas e descoñecidas, por iso percorreremos algunhas rúas da nosa vila e centrarémonos, neste caso, en coñecer as súas orixes e a historia que hai detrás dos persoeiros que lle prestan o seu nome a cada rúa.



Cun feixe de fotografías históricas baixo o brazo, partiremos do mítico reloxo da alameda vella, unha réplica da estación meteorolóxica orixinal que fora financiada por diferentes axentes sociais de principios do século XX, a iniciativa do responsable da Capitanía do Porto de Cangas D. Alvaro Guitián, para que os mariñeiros tivesen unha referencia certa da meteoroloxía que se ían atopar se decidían botarse ao mar.



No Eirado do Costal contaremos as orixes de Cangas como pobo mariñeiro e nas seguintes paradas iremos coñecendo como evolucionou, sempre ligada ao mar, e poñendo en valor figuras de grandes defensores dos dereitos dos mariñeiros máis humildes da nosa vila na primeira metade do século XX como D. Alfredo Saralegui, D. Eugenio Sequeiros ou D. Félix Ozámiz.

Tamén atoparemos grandes defensores do ensino público, presidentes do goberno, escritores (desde trovadores medievais a poetas aínda vivos), importantes mariños galegos de recoñecemento universal … pero sen pasar por alto nomes de rúas que nos falan dun Cangas que xa non existe, porque todo cambia. Como tamén cambian os nomes das rúas segundo o momento histórico no que nos atopemos.
Pero haberá lugar tamén para recordar algunhas persoas sen as que Cangas non sería a mesma, como o gran filántropo cangués D. Félix Soage Villarino, o párroco D. Valentín Losada ou Pepe “Poeta”, xentes que dedicaron gran parte da súa vida a Cangas e aos/ás cangueses/as.

Algunhas rúas están íntimamente ligadas a un monumento senlleiro, por iso temos que falar tamén da historia da Capela do Hospital, da Praza do Arco, da das Pontes ou da Palma. Nesta última temos que contar a historia de Maria Soliño (e por tanto do asalto á vila por parte dos piratas turco-berberiscos no ano 1617).

D. Manuel Graña, D. Ramón Franco ou D. Manuel Mosquera “Barbicas” serán outros dos protagonistas da nosa historia dos que coñeceremos aspectos moi interesantes e ás veces controvertidos das súas vidas.



Sabedes de todo o que estamos a falar? Coñecedes a todos estes persoeiros? Interesouvos algunha vez saber que nome tiña orixinalmente a rúa na que naceches, ou na que vives? Pois entón non perdas a oportunidade de ver a nosa vila con outros ollos!

Para asistir, inscríbete nas Oficinas de Turismo de Cangas:
  • Avenida Eugenio Sequeiros, 9   Teléfono: 986392023
Ou ben envia un email a turismo@cangas.gal indicando: nome, idade, ruta e data elixida, e un teléfono de contacto.

Se aínda así tes problemas para asistir ou tes un grupo que quera facer a ruta outro día podes poñerte en contacto con nós, enviando un mail a  ailladosratos@gmail.com ou nas nosas redes sociais.

Vémonos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario