luns, 1 de agosto de 2016

Verán en Ruta continúa en agosto!

Xa levamos feitas a metade das rutas guiadas gratuitas e estamos moi contentos coa acollida, as boas palabras, os ánimos e os xestos de cariño das persoas que tras vir a cada unha das tres rutas, xa consideramos da "familia ratona". 



Polas rutas gratuitas xa pasaron máis de 260 persoas e todas aportaron o seu graniño de area para que nós podamos facelo cada día un pouquiño mellor e deste xeito chegamos a agosto, así que imos a facer un repaso das rutas que quedan:


Ruta Intermareal: Recomendada para toda a familia, partirá da Praia de Areamilla e desenvolverase polo Espazo Natural Punta Balea. Aproveitaremos esta zona de gran riqueza e biodiversidade para contar dun xeito ameno e distendido como se forman as ondas, os diferentes tipos de praias, a cantidade de vida que pode haber nunha poza cando baixa a marea... e responder a calquera dúbida que poda xurdir.
Ao rematar a ruta faremos xogos na praia relacionados con todas as cousas que puidemos ver e aprender durante o percorrido.
É unha ruta moi interactiva da que seguro sairedes sabendo moitas curiosidades sobre as praias e a vida mariña.




Datas: Sábados 6 e 20 de agosto
Punto de partida:  Praia de Areamilla
Hora: 11:00
Duración aproximada: 2h 30' (ruta + xogos )
Lonxitude: 1,2 km
Dificultade: Media

Ruta de Massó: Historia, curiosidades, anécdotas. Tentaremos transmitir como era a vida ao redor da factoría de Massó, como chegou a ter a primeira asistenta social de Galicia, a orixe da gardería, como funcionaba o sistema de avisos para ir a traballar, os avances tecnolóxicos, as actividades de ocio que se facían, o inicio da actividade baleeira e a moratoria; o declive da factoría e o que significou para a poboación, ata chegar aos nosos días.




Datas: Sábados 13 e 27 de agosto
Punto de partida:  Fábrica de Massó
Hora: 11:00
Duración aproximada: 1h 30'
Lonxitude: 1'4 km
Dificultade: Baixa

Ruta do Facho: A 184 metros por encima do nivel do mar e dominando toda a Costa da Vela, atopamos a interesante historia deste monte sagrado, que durante milenios estivo gardando as nosas costas e que pouco a pouco nos vai desvelando os seus segredos. Ademais, poderás gozar dunha das mellores vistas e paisaxes da Ría de Vigo e das Illas Cíes. 

 + info do Santuario do Facho




Datas: Domingos 7, 14, 21 e 28 de agosto
Punto de partida:  Caracola de Donón
Hora: 11:00
Duración aproximada: 1h 30'
Lonxitude: 2,2 km
Dificultade: Media


Para asistir ás rutas de agosto o procedemento segue sendo o mesmo: inscribídevos nas Oficinas de Turismo de Cangas:
  • Avenida Eugenio Sequeiros, 9   Teléfono: 986392023
  • Avenida Montero Ríos , s/n        Teléfono: 986300875
Ou ben enviade un email a turismo@cangas.gal indicando: nome, idade, ruta e data elixida, e un teléfono de contacto.

Se precisades de máis información ou tedes algunha dúbida, podedes poñervos en contacto con nós a través de calquer medio: facebook, twitter, instagram, blog ou correo: ailladosratos@gmail.com

Vémonos nas rutas!!! :)


Ningún comentario:

Publicar un comentario